Lugonovo denuncia que a “deixadez” do Goberno local á hora de conservar os principais reclamos turísticos da cidade fará que, durante esta ponte festiva, “os visitantes leven unha mala impresión da capital”.
O voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha denuncia que a administración “nada fixo”, a pesar das propostas que puxeron enriba da mesa para eliminar as pintadas que afean o Casco Histórico. “Un prexuizo que tamén afecta a outro espazo de referencia como é o Parque de Rosalía, que adoece ademais dunha boa limpeza e da reposición de varios elementos do mobiliario urbano que están estragados dende hai tempo. Os numerosos edificios en ruína, fortemente degradados, que existen dentro da área PEPRI e sobre os que non se actúa por ningunha vía, contribúen a esta profunda sensación de deixadez que queda na retina de lucenses e viaxeiros”, lamenta Santiago Fernández Rocha.
O voceiro do Grupo Municipal sinala que só é preciso dar unha volta polos barrios para decatarse de que o goberno funciona “a salto de mata”. “O que demostra aquelo que levamos acusando moito tempo, que non existe un plan estratéxico para abordar globalmente e potenciar un dos principais vectores económicos do municipio como é o turismo”.
A este respecto, Rocha lembra que “un dos principais atractivos dos que goza Lugo é a súa riqueza patrimonial e cultural”. Sen embargo, subliña, “o Concello ofrece unha imaxe pésima da súa conservación, tamén en aspectos facilmente mellorables, o que reflicte a estima e o compromiso institucional que se ten por estes valores”.