Lugonovo alerta das graves consecuencias de manter a precariedade nos bombeiros

38 efectivos e tres de baixa, para unha cidade de case 100.000 habitantes, sen mandos que coordinen e dirixan ao persoal e coa incerteza planeando sobre a convocatoria de prazas anunciada en agosto polo goberno. Así é como está o corpo de bombeiros de Lugo na actualidade, unha situación que dende Lugonovo definen como “alarmante” e, incluso “neglixente” por parte do executivo local.

A portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, esixe que se retome o proceso, actualmente paralizado, e se cubran, canto antes, as 12 vacantes previstas no parque municipal, co agravante de que as 6 pertencentes á Oferta Pública de Emprego de 2015 poderían perderse se non se resolven antes de que finalice este ano.

“A esta precariedade cómpre engadir que os bombeiros, tal e como acaban de anunciar, non farán ningunha hora extraordinaria máis, salvo que a rexedora as impoña por decreto como aconteceu durante o San Froilán coa Policía Local. Unha medida de presión que, dende Lugonovo, apoiamos ao compartir o sentido e a urxencia das reivindicacións destes profesionais”, di Cristina Pérez Herráiz.

A voceira da formación comina, ademais, á alcaldesa a poñer orde “inmediatamente” nas múltiples frontes que mantén abertas en materia de recursos humanos. “Como se está a demostrar, a súa falta de xestión non só pon en perigo a actividade da administración en xeral e mesmo a continuidade da Escola de Música, senón que, neste caso, pode traducirse tamén nun suceso de graves consecuencias para a cidade”, advirte Cristina Pérez. “Quizais a señora Lara Méndez estea esperando a ter algunha traxedia que lamentar para poñerse a traballar con seriedade neste asunto”, conclúe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com