A concelleira do Grupo Municipal Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, denunciou o perigo que supón para a poboación que varias tubaxes ou bocas de sumidoiro, de grandes dimensións, estén sen cubrir e sen sinalizar nas proximidades da nova superficie comercial que, xusto estes días, concentra moitas visitas trala súa recente inauguración.
A edil sinalou que “non é só unha, senón que están todas destapadas e sen ningún tipo de protección que alerte aos cidadáns de que deben extremar o coidado se pasean pola contorna para non caer dentro. É dicir, que ás seis da tarde, que xa é de noite, non hai nada que impida que un peón que circule pola zona poida precipitarse ao interior e mancarse seriamente. Pedímoslle ao Concello que actúe, polo tanto, con inmediatez e que peche estas arquetas ou que as sinalice para evitar accidentes antes de que alguén resulte ferido de gravidade”.
Lugonovo xa alertou no mes de setembro do abandono que rexistra a Abella en materia de aseo e acondicionamento. Moitos terreos manteñen a día de hoxe a aparencia dun estercoleiro e algunhas beirarrúas seguen invadidas de silvas e lixo.
Dende a formación, ínstase ao executivo local a facer unha limpeza en profundidade naqueles solares que sexan da súa propiedade e a acondicionar os espazos públicos para que cumpran as mínimas garantías hixiénicas. Lugonovo apunta tamén que é unha obriga da administración local acadar que os propietarios privados, donos de moitas das parcelas que se atopan en peor estado, se preocupen e responsabilicen do seu mantemento.