“En Lugonovo non imos dar un paso atrás nas nosas liñas vermellas á hora de negociar cos partidos políticos do Concello de Lugo”. Así de contundentes amosáronse hoxe os compoñentes da plataforma cidadá que deu a campanada nas pasadas eleccións municipais acadando tres concelleiros.
“Volvemos reiterar, como vimos facendo dende o comezo da campaña electoral, e en multitude de declaracións dos nos@s candidat@s, que non nos sentaremos a negociar con imputados ou aqueles que teñan unha responsabilidade política manifesta, máis claro, co Sr. Orozco non temos nada de qué falar e co Psoe hai un camiño que andar”, sinalaron.
Asemade afirman que non negociarán de ningún xeito co Partido Popular, xa que “aplica un sectarismo e marxinación de todos aqueles que non compartimos a súa ideoloxía, afectado pola corrupción ata a médula e antítese das políticas sociais”.
Explican que a asamblea de Lugonovo aprobou un programa e un código ético que pensan cumprir punto por punto, e que “a xente que nos leva apoiando dende hai meses pode ter a seguridade que estes principios son inamovibles, e que o noso compromiso coa transparencia, coa dignidade das persoas e coa loita contra a corrupción, vai moito máis alá das ameazas e presións dun partido que se lle enche a boca de decir que é de esquerdas, pero que os feitos e as formas distan moito dos principios esenciais dun partido socialdemócrata”.
Os representantes de Lugonovo afirmaron que a formación quere propoñer e facer cambios no goberno municipal e que non queren entrar nun cambio de “cromos” a cambio de posibles cadeiras no Consistorio.
Lugonovo afirma que están cansos da chantaxe que veñen facendo os socialistas no Concello de Lugo “ou nós ou a dereita” e non van caer nesa demagoxia.
Para rematar, os candidatos de Lugonovo, declararon que se a plataforma entra no Concello será para realizar “unha nova forma de facer política, con estes principios sempre nos terán de compañeiros de viaxe e saberemos ceder e entender”