Lugonovo quere impulsar un novo modelo de contratación pública que teña como punto de partida a mesma responsabilidade social e medioambiental que se lle esixe ás empresas. Isto obriga a un prego de contratación máis complexo, pero que ten encaixe legal se hai vontade política”.
Lugonovo propón que o equipo técnico e xurídico municipal deseñe un marco reitor para que todos eses procesos se baseen, de agora en diante, non só en criterios económicos senón nunha triple sustentabilidade: social, orzamentaria e medioambiental. “Trátase de que, dende a licitación pública, se promova a integración e a igualdade, se melloren as condicións de emprego feminino, se corrixan os desequilibrios mediante a compra ética, se reduza o impacto ecolóxico e se fomente a innovación empresarial. Un modelo económico que servirá de exemplo e marcará o camiño ó tecido empresarial da contorna”, sinala Santiago Fernández Rocha, portavoz do Grupo Municipal.
Esta formación destaca que a crise e a corrupción provocou que o sector público, esquecera todas estas directrices, amparadas pola propia Constitución, quedando relegadas a unha mera cuestión teórica.
Dende o Grupo Municipal apóstase porque nas vindeiras licitacións xa se contemplen requisitos ecolóxicos, que ponderen a sostenibilidade das prestacións contratadas co custo do ciclo de vida das obras; claúsulas socias, nas que se fomenten o emprego de persoas en situación ou risco de exclusión, a inserción de discapacitados, a estabilidade e a calidade no traballo, a mellora da seguridade e saúde laboral ou a promoción da conciliación da vida familiar ademais de criterios de innovación como ferramenta para impulsar a competitividade. “Con esta fórmula trátase de ir cara un sistema de responsabilidade que devolva á mesma sociedade unha boa parte do conseguido co seu esforzo económico, mediante a mellora da calidade de vida das persoas, especialmente das máis vulnerables”.
O Grupo Municipal Lugonovo agarda conseguir o apoio do resto da Corporación para sacar adiante esta proposición na que se solicita tamén o compromiso da Xunta de Goberno, responsable en último termino de que se materialice esta proposta.