Lugonovo apremia ao goberno a presentar a Conta Xeral

¿Qué foi da Conta Xeral de 2017? É a pregunta que se fai Lugonovo logo de que, a piques de rematar o exercicio económico o executivo siga sen aportar nin un só dato sobre o balance anual do Concello e tampouco prevea levar a súa aprobación ao Pleno deste mes.

“Poida que estea en paradoiro descoñecido, igual que aconteceu no seu día coa licenza do proxecto para o Centro Integral de Saúde da Residencia, ou pode que o goberno intente culpabilizar, tamén nesta ocasión, á oposición por non terlles apoiado os orzamentos – ironiza Cristina Pérez Herráiz. O caso é que a 19 de decembro ninguén, quizais a propia alcaldesa tampouco, coñece cal é o estado das arcas locais ou o grao de execución do presuposto municipal. Unha contabilidade que xa debera terse remitido hai dous meses ao Tribunal correspondente”.

A portavoz do Grupo Municipal cre que o feito de que o executivo non teña como elemento prioritario, dentro da súa axenda, a rendición das contas pode privar ao Concello da participación que ten nos Ingresos do Estado. “Sería o colapso definitivo, por iso nos sorprende a lixeireza coa que, de forma permanente, están a bordear a legalidade. Ademais de agardar ao último día hábil para entregar a documentación que se lle require en todas e cada unha das frontes xudiciais que mantén abertas, xamais respecta o principio de transparencia ao que tamén debe axustarse. Por non falar de que só en escasas ocasións cumpre cos prazos establecidos. Así, nin temos información actualizada dos convenios que se asinan con outros organismos, nin se publica a relación de expedientes menores, nin tampouco, como se pode constatar, se xustifica en tempo a xestión financeira e patrimonial da institución. E así levamos xa 3 anos”, reprocha Pérez Herráiz.

“Semella que non lles parezan suficientes tódolos apremios que deben resolver, nin tampouco as consecuencias que xa está a padecer a cidadanía grazas á súa apatía, que agora se empeñan en abrir novas vías de conflito”, reflexiona a voceira da formación en alusión a cuestións como a aprobación da RPT e a organización do persoal, a continuidade da Escola de Música ou a explotación da Fábrica da Luz.

Estamos agardando a ver se, nestes cinco meses que lle restan de mandato, a  señora Lara Méndez consegue amañar algún dos problemas que ela mesma xerou ou que contribuiu a perpetuar: o caos na mobilidade, a falta de dilixencia na tramitación de licenzas e na contratación, etc … Ten onde escoller!”, conclúe Cristina Pérez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com