O executivo local deu a coñecer esta mesma mañá, na Xunta de Voceiros, que finalmente o servizo de grúa será prorrogado á actual concesionaria durante tres meses máis, tempo no que se iniciará a redacción dun novo prego de condicións para unha licitación temporal como solución ponte mentres dura o proceso de municipalización do mesmo. Os edís de Lugonovo destacan que xa existía un arcordo plenario dende setembro que recollía a vontade da marioría da Corporación a prol de que o servizo fose público e, polo tanto, apuntan tamén a que ése era o momento no que o Concello tiña que poñerse a traballar para iniciar os trámites respecto á súa continuidade.
O concelleiro de Lugonovo, Iñaki García sinalou que “de ter tomada esta determinación cando se abordou no Pleno, poderían terse evitado a agonía dos traballadores, en primeiro lugar, e, por outra banda tamén, o feito de ter que prolongar agora unha concesión máis que cuestionable”.
Para a formación Lugonovo a subrogación do cadro de persoal é prioritaria pero advirten que xa está garantida sen necesidade de manter, un novo trimestre, os vicios dunha contratación que igual que acontecía coa Ora, está xudicializada e supón unha “vergoña” para a institución.
Neste senso, Lugonovo levará ao vindeiro Pleno unha prosposición para que o equipo técnico e xurídico municipal deseñe un marco reitor encamiñado a que todos eses procesos de licitación se baseen, de agora en diante, na transparencia e na obxectividade entendida non só dende criterios económicos senón nunha triple sustentabilidade: social, orzamentaria e medioambiental. Principios que, agardan, sexan recollidos xa nos pregos de condicións dos contratos como condición imprescindible para obter as concesións.