Lugonovo considera necesario dotar de medios aos xulgados encargados da violencia de xénero

O grupo municipal de Lugonovo rexistrou o pasado venres unha proposición para o vindeiro pleno, encamiñada a “instar ás institucións competentes a que poñan medios materiais e humanos suficientes para que os xulgados encargados da violencia contra as mulleres poidan desenvolver correctamente o seu traballo”. Esta moción veu motivada pola retirada do equipo psicosocial de apoio co que contaba o Imelga en Lugo durante os últimos meses.

O pasado pleno de febreiro xa se presentara en pleno unha moción orientada á creación dun xulgado específico de violencia contra a muller en Lugo. Naquel momento, Lugonovo, por medio da concelleira Cristina Pérez, propuxo unha emenda “in voce” para instar ao tempo á dotación de medios para os xulgados que están a asumir ese tipo de casos. Esta emenda finalmente foi desbotada polo grupo propoñente, ao considerar que desvirtuaba dalgún xeito a súa proposta, e non se tomou ningún tipo de medida ao respecto.

Lugonovo considera que “é preciso lembrar que os propios técnicos do Equipo Psicosocial do Imelga en Lugo xa alarmaron o pasado mes sobre a falta de medios dispoñibles, indicando que o equipo titular era totalmente insuficiente para tratar o gran número de casos que lles chega, tanto de violencia contra as mulleres, que se tratan de maneira prioritaria, coma doutra índole. Ata o presente mes había un equipo de reforzo por acumulación de tarefas pero, finalizado o seu contrato de nove meses, volve quedar toda a responsabilidade en mans dun único equipo que, evidentemente, se ve sobrepasado pola sobrecarga de traballo”.

Lugonovo no entendeu no pasado Pleno a oposición á emenda, e insistirá no vindeiro “na urxencia de aportar medios aos servizos de intervención nos casos de violencia patriarcal coa presente proposición plenaria”, e considera, “de acordo co xa transmitido por parte do persoal do Imelga, que o equipo psicosocial auxiliar que se contratou durante estes meses para a redución dos tempos de espera é absolutamente imprescindible e se debería incorporar na correspondente RPT, de cara a ofrecer o servizo de calidade e eficaz que este tipo de casos, coma moitos outros, precisa”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com