Lugonovo critica que a rúa Ramos Misioné non teña sinalización viaria

Dous anos despois de certificarse as obras de mellora do asfaltado, a rúa Ramos Misioné continúa incompleta. Así o denuncia a agrupación municipal Lugonovo quen asegura que esta vía da cidade adoece dun aspecto básico como é a sinalización que garante a seguridade viaria. Un elemento fundamental, a xuízo dos edís de Lugonovo, tendo en conta, a densidade de tráfico que rexistra. 

“Precisamente foi a cantidade de circulación que soporta o que deteriorou o pavimento e xustificou a súa renovación. Trátase dunha vía cunha situación estratéxica, que ofrece un servizo moi importante a pesares de ser bastante estreita porque admite as dúas direccións ademais do estacionamento. Sen embargo, durante todo o seu percorrido non hai nin unha soa liña de pintura que delimite os carrís o que a convirte nun caos para a condución”, explica a portavoz da agrupación, Cristina Pérez Herráiz.

Os edís da formación lamentan que o Concello deixara a remodelación a medias. Uns traballos adxudicados por 29.330’40 euros e dentro dos que se reservaban, inicialmente, 4.859’78€ para o capítulo da sinalización. O proxecto contemplaba a reposición das marcas viais existentes, entre elas a pintura das raias brancas delimitadoras da calzada en todo o ámbito de actuación, así como do stop. “Dous exercicios despois seguimos sen coñecer as causas que impiden executar estes traballos pero, dende logo, o que reflexa é unha absoluta falta de supervisión por parte do equipo de goberno, que semella satisfeito co estado actual que presenta a rúa”, critica Cristina Pérez Herráiz.

O Grupo Municipal advirte que, unha vez máis se dirixirá ao executivo para interpelalo polo labor de control que exerce sobre as licitacións públicas. “Neste caso queremos saber, entre outras cuestións, se continúa ou non en vigor o período de garantía da reforma e se aínda se está en tempo de esixirlle á empresa adxudicataria que realice canto antes o repintado de Ramos Misioné ou, se pola contra, o prazo de reclamación xa finalizou e será a administración quen teña que asumir agora un custo engandido para desenvolver estas tarefas”, conclúe Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com