Segundo denuncia a plataforma política Lugonovo “case tres anos traballando nun prego de contratación que parece non vai rematar nunca e a cada pregunta sobre os motivos desta demora unha contestación máis ridícula, se cabe, que a anterior”.
“A concelleira de Cultura leva moitos meses tratando de esquivar este asunto. Xa no pleno de novembro de 2016 dera a súa palabra de facer público o documento en 15 días e, a piques de rematar febreiro, seguimos agardando por el”, reprocha Cristina Pérez Herráiz.
A edil de Lugonovo relata que, dende o 2015, esta formación preguntou en incontables ocasións pola tramitación da concesión pero “as respostas da señora Basadre son sempre algunha escusa ocorrente e insólita que non convence a ninguén e que, nin moito menos, xustifica o atraso”.
“Vai sendo hora, se ela non é capaz, de que alguén do goberno aclare o que está a pasar con esa licitación. Cremos que non fai falta recordarlle que a adxudicación está caduca, que ten continuos reparos de legalidade por parte do interventor e que, mentres iso non cambie, o Concello segue a ser cómplice dunha filial de Vendex á que lle entrega, nada máis e nada menos, que medio millón de euros anuais por manter esta situación, como mínimo, dunha maneira alegal”, advirte Pérez Herráiz.
Dende o Grupo Municipal insisten en que “o executivo aínda non foi quen de resolver, dende que chegou ao goberno, ningún dos procesos contractuais que estaban extinguidos”.
Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales coma reconocerte cando volves á nosa web ou axudar ó noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e útiles.