A agrupación municipal Lugonovo advertiu esta mañá que a concesión para a xestión da publicidade nas marquesiñas do bus urbán da cidade leva caduca dende setembro de 2016, tras 15 anos e, segundo indica a agrupación está envolta na “máis absoluta opacidade”.
Os edís e a edil da formación levan tres meses agardando a que o goberno aclare certas cuestións relativas a quen se fai cargo agora desta xestión e quen se beneficia dos contratos publicitarios, formuladas por escrito no pasado decembro por Lugonovo. Preguntas que ate o momento só obtiveron como resposta un silenzo que, para o voceiro desta agrupación, Santiago Fernández Rocha, “dá pé a outro tipo de interrogantes”.
Fernandez Rocha tildou de “escurantismo” esta xestión do Concello e recalcou que “se trata dunha adxudicación que, de regularizarse, pode supoñer un forte investimento e unha mellora das dotacións públicas ou unha importante inxección de ingresos para as arcas municipais”.
O voceiro de Lugonovo advirte que, cando menos, unha ducia das marquesiñas da cidade se atopan nunha situación “calamitosa”. Cos vidros estragados, estalados ou directamente sen eles, cheas de pintadas e que, debido ao seu deterioro, nalgúns casos “nin sequera cumpren coas funcións para as que foron concibidas”.
“Serra de Meira, a Calzada das Gándaras, o Camiño da Croa e mesmo a Avenida de Madrid ou a rúa Armórica. Non hai barrio no que algunha destas estruturas sexan máis un adorno que un elemento de protección ao usuario”, lamentou Fernández Rocha.
Dende o Grupo Municipal aféanlle ao executivo que non aproveitara a oportunidade de incluír esta licitación na do autobús urbano, pois para Fernández Rocha, “esta era a ocasión de solucionar dous servizos de maneira conxunta, ao vencellalos á mesma adxudicación, pulando por defender o interese dos veciños sobre calquera outra cousa”.