Lugonovo denuncia ante En Marea o “abandono” a Lugo por parte de Fomento

Lugonovo vén de trasladarlle ao portavoz de En Marea no Congreso dos Deputados, Miguel Anxo Fernán Vello, varias demandas do municipio para que a formación promova a súa reivindicación na Cámara. A primeira delas é a mellora da iluminación nos accesos á capital, especificamente na entrada pola A 54, no enlace con Nadela, e pola Rolda Norte, dende a Campiña ata a Avenida da Coruña.

“Acabamos de instar ao noso deputado Miguel Anxo Fernán Vello, a que faga especial fincapé na necesidade urxente de dotar de alumeado público estas vías coa fin de diminuír a inseguridade que asumen tanto os condutores que transitan por elas, como a cidadanía que, especialmente no caso das inmediacións das Gándaras, se despraza pola contorna”, explicou a voceira da agrupación, Cristina Pérez Herráiz.

Noutro eido, a voceira tamén emprazou a Fernán Vello a velar porque se resolva con axilidade a tramitación para a construción da rotonda que unirá a Nacional VI con Alfonso X. Pérez Herráiz quere que, “á maior brevidade posible”, o Ministerio de Fomento se posicione sobre as tres alternativas que lle brindou o goberno local para a súa ubicación.

“Aparentemente, só unha ofrece certa complexidade técnica e burocrática polo que, agardamos, impere o sentido común e se escolla algún dos outros dous terreos ofertados coa fin de acelerar o procedemento que resta”. A portavoz do Grupo Municipal aproveitou a ocasión para reclamar, igualmente, a resolución definitiva do conflito de titularidade que pesa sobre a Ponte do Miño. Case sete anos despois de inaugurarse, a batalla sobre quen debe facerse cargo do seu mantemento continúa. “Xa é hora de que ámbalas dúas administracións cheguen a un entendemento e poñan fin a un pulso sin sentido que mantén como reféns á veciñanza mentras esta dotación se deteriora e ensucia cada día máis”, reprocha.

Xa, para rematar, Pérez Herráiz referiu a preocupación de Lugonovo por cómo está a progresar a iniciativa presentada pola formación ao Pleno de setembro de 2016 para acadar que a sinalización da Muralla estivera presente na Autovía A6, atendendo ao seu interese cultural e ao seu atractivo histórico e turístico. “Era, e segue a ser, unha conta pendente que o Estado ten coa nosa localidade pero, ano e medio despois de encamiñala dende o Concello, non sabemos cánto de avanzado se atopa este proceso que ten a súa meta na inclusión do monumento como un dos destinos ou recursos do Catálogo do SISTHO (Sistema de Sinalización Turística Homologada)”, matiza a voceira.

Lugonovo agarda, asemade, que En Marea sexa quén de acadar o apoio do Estado para impulsar outras dúas propostas da agrupación municipal como son lograr o recoñecemento de Cidade Creativa da Unesco, na categoría de gastronomía, e a extensión a todo o Casco Histórico da Declaración de Patrimonio da Humanidade tralo anuncio da alcaldesa, durante a pasada edición de Fitur, de que se está a traballar námbalas dúas candidaturas.

Fernán Vello denuncia “deixadez hacia Lugo”

O portavoz de En Marea no Congreso, pola súa banda, compareceu ante os medios para denunciar “o absoluto abandono e deixadez que o Ministerio de Fomento e o Goberno de Rajoy en xeral practica coa cidade luguesa”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com