Lugonovo denuncia as deficiencias no Camiño Primitivo ao seu paso pola Chanca. Segundo a formación, nesta zona “o descoido é absoluto e presenta numerosas deficiencias que deben ser corrixidas de inmediato”.
O voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha, pon como exemplo que un dos muros que acompañan o cauce do Rato estase esborrallando e caendo ó río. “Así leva semanas sen que as denuncias dos residentes causen ningunha reacción nas administracións que seguen a eludir as súas obrigas”, sinala Rocha, quen tamén denuncia a abundante presenza de sucidade neste traxecto da ruta a Santiago despois de que os servizos de limpeza leven sen aseala dende o mes de xuño.
A formación traslada así o malestar veciñal polo abandono institucional que sofre este espazo e subliña varias actuacións urxentes que Concello e Deputación deben acometer atendendo ás responsabilidades que comparten nesta zona da cidade.
“Non sabemos por qué a máquina, que antes pasaba cunha frecuencia de oito ou dez días, leva tres meses sen aparecer por aquí. Resulta un tanto contraditorio que os organismos públicos amosen, por unha banda, moita satisfacción polo éxito que ten o fenómeno da peregrinaxe e a chegada de turistas á capital e, pola outra, non teñan ningún remordemento, pola súa despreocupación sobre a conservación da contorna”.
Dende o Grupo Municipal apúntase tamén a necesidade de instalar algún tipo de sinalización no cruzamento co Paseo do Rato, unha estrada con moito tránsito rodado á que chegan numerosos ciclistas procedentes do Camiño, sen advertencia de ningún tipo.