A agrupación municipal Lugonovo denunciou esta mañá a demora coa que o Concello de Lugo iniciou este ano a emisión dos recibos do IBI, case cun mes de retraso na súa tramitación o que reduce a pouco máis de tres semanas o prazo de tres meses que está establecido como período voluntario de pagamento.
En palabras do seu portavoz, Santiago Fernández Rocha, “as primeiras cartas notificando que xa se pode abonar o imposto, están a chegar estes días aos domicilios, o Concello debería traballar coa mesma previsión que se lle esixe ao cidadán no que ten que ver co cumprimento das súas obrigas”.
Para o voceiro de Lugonovo esta é unha nova mostra do “desastre organizativo” que afecta á institución local. “O cobro dos tributos está, polo xeral, estacionalizado; resólvense sempre na mesma época do ano segundo o gravame do que se trate, polo que a agrupación non entende que sucedan estas cousas.
Fernández Rocha relata que dende hai máis de dez anos, existe no concello un sistema de alertas ao que se poden suscribir os lucenses de forma gratuita para que todos os avisos lles cheguen a través de Facebook, SMS ou enderezo electrónico, e lamenta que os veciños non se enteren da existencia desta ferramenta debido a deixadez do goberno local á hora de divulgalo.
Santiago Fernández Rocha entende que “a súa difusión evitaría, en moitas ocasións, o pago de recargos, redundaría na eficacia da función e dos recursos públicos e pularía pola igualdade de oportunidades e a concorrencia”.