Lugonovo denuncia o desleixo do Concello ante o vello cárcere

“Só seis meses despois da súa apertura, as paredes do patio xa están desconchadas, cheas de verdín e o pavimento invadido de malas herbas”, así describía esta mañá a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez, o estado no que se encontra o recén estreado edificio do Vello Cárecere. A portavoz da agrupación denuncia o desleixo que sofre o Vello Cárcere en canto ao seu mantemento pero tamén en canto á tutela administrativa que a institución local debería facer del.

“Ese descoido que se aprecia directamente no edificio reflicte á perfección a deixadez coa que o goberno aborda non só a conservación deste museo senón tamén os procesos burocráticos das concesións que rixen tanto a súa atención ao público, como a explotación da cafetería ou as tarefas de vixilancia. Tres contratos que, medio ano despois de inaugurarse as instalacións, seguen sen concretarse o que impide o aproveitamento completo do recinto, parcialmente pechado por esa falta de marco regulador e de dotación de medios humanos que conleva”.

Cristina Pérez Herráiz lembra que a factura de setembro terá que ser abonada cun novo reparo de legalidade ao persoal que traballa no inmoble, tras caducar o expedente o pasado 31 de agosto. “É a política do parcheo, a de botar man de solucións de urxencia, cuestionadas incluso polo propio interventor municipal aínda que iso non suscite ningunha preocupación na concelleira responsable que, mes a mes, e adxudicación tras adxudicación, se empeña en proceder da mesma maneira. De aí que boa parte das facturas que acoden ao Pleno pola vía do informe extraxudicial de crédito veñan da súa área”.

A voceira de Lugonovo entende que os prazos do Plan Urban eran amplos e de sobra coñecidos tanto para este proxecto como para o de Novas Tecnoloxías que, de igual xeito, mantén a súa actividade sen ningún tipo de contrato dende o pasado 1 de xullo, cando expirou o relativo á posta a punto inicial do Centro. “Un baleiro legal que xa supera o trimestre e que o goberno tratou de xustificar hoxe, durante a Comisión de Contas, co pretexto de que se están a redactar os pregos de licitación e o estudo de custos. Mais, sentindoo moito, o argumento, de tan repetido, perdeu, para nós, toda credibilidade”, conclúe Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com