Lugonovo denuncia a “despreocupación” do Goberno local á hora de dar a coñecer cal é o nivel de execución dos Orzamentos Participativos e que accións quedan pendentes de acometer un ano despois do inicio da súa posta en marcha.
“Preocúpanos o seu cumprimento despois de varios meses sen ningunha nova ó respecto. O lóxico sería que, a estas alturas, xa estiveran rematados, e que ese carácter participativo se reflectira tamén na reciprocidade da administración dando conta á cidadanía do seu avance”, subliña o voceiro da formación Santiago Fernández Rocha.
Rocha dubida ademais de que o Goberno local vaia dar continuidade a esta iniciativa. “Se o goberno ten previsto darlles contiunidade empeza a ser bo momento para anuncialo. O estudo dos presupostos do 2017 debería comezar en setembro e, ata o de agora, non se comunicou información algunha do inicio dun novo proceso o que nos fai dubidar moito sobre o futuro desta iniciativa e do cumprimento dos prazos, que van amoreando retrasos”, conclúe.