Lugonovo denuncia o deterioro do Camiño Primitivo no Carril das Frores

Os edís de Lugonovo instaron esta mañá ao goberno local a acondicionar e poñer en valor o tramo do Camiño Primitivo que discorre polo Carril das Frores ata confluír coa Rolda da Muralla. “A senda semella ser, neste enclave, calquera outra corredoira local e non formar parte dunha das rutas máis senlleiras a Compostela“, lamenta a portavoz da agrupación, Cristina Pérez. “Algo impropio e que non se corresponde nin coa súa transcendencia nin co mínimo de seguridade que debera garantir tanto para os peregrinos como para o resto dos viandantes”.

Os concelleiros da agrupación cren que a protección da cidadanía non pode seguir supeditada ao desenvolvemento urbanístico proxectado para a zona, unha actuación que, ao seu xuízo, “prospera a marchas forzadas” e que non debera condicionar o inicio doutras intervencións que resolvan os atrancos de accesibilidade que presenta a contorna.

“A veciñanza, especialmente os peóns que teñen algún problema de mobilidade ou precisan circular con cadeiras de rodas ou carriños de bebé, non poden facer uso da escalinata e están obrigados a saír desta rúa por un punto no que quedan completamente expostos ao tráfico rodado”, di Cristina Pérez Herráiz. Unha situación, segundo explica a voceira, á que hai que engadir o pésimo estado no que se atopa o pavimento da calzada e que constitúe un foco de malestar e preocupación para os residentes, que xa trasladaron as súas queixas en varias ocasións ao Concello sen que, ata o momento, se lle puxese remedio.

“Consideramos que se trata dunha eiva moi importante, en tanto afecta á salvagarda da poboación e á conservación do noso Patrimonio, recoñecido internacionalmente e, polo tanto, dende Lugonovo promoveremos unha iniciativa nas vindeiras Comisións de Pleno para que o executivo se faga cargo desta circunstancia e, sen máis dilación, lle dea, aínda que sexa de forma provisional, a solución axeitada”, conclúe Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com