Lugonovo denuncia “graves retrasos” de até dous meses por parte do Goberno local á hora de conceder as axudas sociais a emerxencia. A formación pon o foco sobre a situación dun veciño que neste intre se atopa sen ningún tipo de prestación e ingresos, que acudiu en xullo aos servizos sociais buscando axuda e que, segundo Lugonovo, non se lle fará efectiva até finais de setembro.
“É inconcebible que precisamente a aqueles casos que deben ser abordados con máis urxencia teñan que agardar máis de dous meses para ver atendidas as súas necesidades. Estamos falando dun mínimo de 60 días sen alimento e sen menciñas, entre outras cousas, e non se pode permitir”, subliña a concelleira da formación, Cristina Pérez Herráiz.
Neste sentido, a edil de Lugonovo reclámalle ao executivo que non permita estas “gravísimas demoras” no apoio asistencial, unha das competencias “inescusables” da administración local e polo que ten que velar con rigurosidade.
“Na última Comisión de Benestar preguntámoslle á concelleira con que celeridade se resolvían estes casos pola súa relevancia. Díxonos que as citas urxentes e primeiras citas se atendían nese mesmo día ou ó día seguinte. As probas din que mente ou que non está ó tanto de cómo funciona o seu departamento, aínda que o verdadeiramente preocupante é a situación de evidente desprotección na que se atopan os cidadáns”, advirte Pérez Herráiz.