“Lugo non cumpre a lexislación contra incendios”. Así o afirma o portavoz de Lugonovo, Víctor Álvarez, tras comprobar que enclaves tan senlleiros da capital como pode ser O Carme non resultan alleos a esta eiva.
“Ao pé do Camiño Primitivo, na traseira do que se correpondería coa rúa do Vicedo, hai unha plantación de eucaliptos que non respecta as novas limitacións esixidas pola Xunta de afastarse das vivendas un mínimo de 50 metros”, explica Víctor Álvarez. O voceiro da formación, e próximo concelleiro do Grupo Municipal, pregunta tamén qué pensa facer o goberno local para remedialo.
“Trala vaga de outubro o executivo galego recuperou moitas das medidas que xa puxera en marcha, no seu día, o bipartito coa fin de previr os lumes forestais e non só restableceu as distancias (que case duplican ás anteriores) ás que deben separarse, especialmente as especies pirófitas, do resto de espazos e infraestruturas senón que tamén impuxo un calendario que fixaba no 31 de maio de 2018 a data tope para que as administracións garantiran o desbroce dos terreos municipais co obxecto de evitar que a presenza de biomasa vexetal favorecera as queimas en tempada de risco”, explicou Álvarez.
“Ben obrigando aos propietarios que non se axustan á lei a corrixilo, ben acometendo estes traballos de maneira subsidiaria, o Concello debe velar porque as directrices autonómicas se acaten“, denuncia o voceiro da agrupación. Víctor Álvarez, continuou e chamou á resposabilidade para “impedir que se repita o que acontecu o outono pasado”, así lembraba o portavoz os lumes en varios soares das inmediacións do Hula e das Gándaras no pasado mes de outubro.
Álvarez Arias anuncia que, neste sentido, a organización impulsará varias iniciativas. “Dende elaborar unha planimetría que recolla a fotografía do municipio coa situación actual na que se atopan os predios, ata a instalación de hidrantes nos núcleos ou de depósitos de auga, naqueles que non contan con abastecemento público; todas elas, actuacións de baixo custo pero altamente eficaces na loita contra esta lacra”.
Cuestións sobre as que Víctor Álvarez informará mañá á veciñanza de Santiago de Saa, no marco dunha reunión organizada pola Plataforma no Local de Dinamización desta parroquia.
Víctor Álvarez realizou estas declaracións no transcurso dunha rolda de prensa na que Cristina Pérez Herráiz o presentou como o novo integrante do Grupo Municipal, trala recente dimisión dun dos seus edís. Álvarez Arias pasará a formar parte de agrupación de forma oficial dende o vindeiro Pleno, asumindo as áreas de Medio Rural, Infraestruturas, Deportes e Desenvolvemento Sostible e Urbanismo.
“Hai un bando de alcaldía”
Preguntado o portavoz municipal por esta denuncia de Lugonovo, Miguel Fernández respondeu que, aínda sen ter coñecemento da parcela do Carmen á que fai referencia Álvarez, o Concello “cumpre a normativa contra incendios, de feito, vimos de licitar o desbroce da totalidade dos viais do Concello“. Fernández quixo tamén lembrar o bando de alcaldía publicado no Boletín Oficial da Provincia en outubro do pasado ano, como medida de prevención de lumes, no que se lembra aos donos das parcelas a súa obriga de proceder ao roce e limpeza das mesmas e, no caso dos que se atopen sen
rozar, o Concello procederá, se non hai alto risco de incendio, a ordenar o desbroce nun prazo de 15 días, coa incoación de expediente sancionador e apercibimento de execución subsidiaria.