Lugonovo denuncia o “lamentable” estado no que se atopa o Vello Cárcere

“Este venres cúmprese un ano da apertura do Vello Cárcere e a imaxe que ofrece o edificio non pode ser máis lamentable”, reprocha a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, quen continúa describindo a imaxe que ten actualmente o novo centro cultural da cidade: “os muros do patio teñen tanta humidade que mudaron da cor branca á verdella e hai paredes nas que a pintura xa pasou, directamente, a mellor vida deixando ao descuberto a carcasa dalgunhas pezas como poden ser as portas laterais”.

A portavoz de Lugonovo denuncia o desleixo que sofre a instalación cultural en canto á súa conservación pero tamén no relativo á tutela administrativa que o Concello debera exercer sobre ela. “Ese descoido que se aprecia na construción reflicte perfectamente a deixadez coa que o goberno aborda non só o mantemento do recinto senón tamén a súa xestión” di Pérez Herráiz, en alusión á “tramitación interminable” que están padecendo os contratos para a atención ao público, a explotación da cafetería ou a vixilancia. “Tres concesións que, un exercicio enteiro despois de inaugurarse o inmoble, seguen sen concretarse o que obriga a manter algunhas dependencias pechadas, limitando o seu aproveitamento”.

Cristina Pérez lembra que, dende setembro de 2017, á empresa que presta o servizo estáselle pagando en reparo de legalidade, tras caducar o expediente o pasado 31 de agosto. “Precisamente no vindeiro Pleno do día 2, volveránse presentar varias facturas baixo este mesmo procedemento que, por suposto, dende Lugonovo, non imos avalar”.

“Ao contrario, o que lle pedimos ao executivo é que deixe atrás a política de parcheo á que nos ten acostumados e regularice a situación deste museo dunha vez por todas. Cremos que un ano era máis que suficiente para telo resolto sen necesidade de estarse reiterando perpetuamente na mesma anomalía”, conclúe a voceira do Grupo Municipal ao tempo que refire a comisión doutra irregularidade similar no Centro de Novas Tecnoloxías.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com