Lugonovo denuncia o aspecto de “selva” que presenta a Estrada Vella de Santiago. Para o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha esta vía “é o reflexo do descoido absoluto, con matogueiras que compiten en altura cos postes da luz e se apropian, literalmente, da metade da beirarrúa”. “Podería ser perfectamente unha selva pero vén sendo a Estrada Vella de Santiago”, ironiza Rocha.
Dende a formación denuncian que dende que a estrada pasou a ser titularidade local no ano 2010 se produciu o que cualifican como “desmadre vexetal”. “Dá a impresión de que non se limpou dende que foi recepcionada polo Concello hai seis anos, e este non é o único espazo de Lugo no que se aprecia tal problemática, a avenida Duquesa de Lugo e mesmo o barrio de Fingoi parecen auténticas xunglas urbanas”, denuncia Fernández Rocha.
Lugonovo lembra ademais que hai máis dunha semana lle comunicaron ao Concello a situación na que se atopa este punto da capital “e a día de hoxe o único que podemos certificar é que as silvas seguen medrando”. Con todo, para “oficializar “ o requerimento, o concelleiro Iñaki García solicitará o seu desbroce e limpeza na vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible.