A edil de Lugonovo Cristina Pérez Herráiz considerou esta mañá que a Mostra de Teatro Clásico do Concello de Lugo vai camiño de ser un “desastre” e apuntou como principal motivo desta dura cualificación ao “criterio de romper co formato e coa programación habitual”.
Perez Herráiz recoñeceu que se tratou sempre dunha cita cultural de gran nivel e con moita repercusión en todo o país, pero denunciou que agora se convertese no que tildou de “sucesión deslabazada de espectáculos, espallados durante dous meses e pouco publicitados” o que suporá, para esta agrupación, unha merma de asistentes e recadación.
A edil de Lugonovo, afirmou que “a día de hoxe, a obra prevista para o 4 de marzo, O sono dunha noite de verán, leva vendidas 200 entradas, máis ou menos a cuarta parte do aforo”. Deste xeito, Cristina Pérez Herráiz, recalcou tamén as vendas doutras obras grandes como Quijote, el vértigo de Sancho, que ten só 40 entradas vendidas ou Medea Salvaxe que leva tan só 9.
A edil de Lugonovo solicitará na vindeira Comisión de Cultura os datos relativos ao investimento municipal no devandito ciclo así como as cifras correspondentes á afluencia que tiveron as representacións, coa fin de poder elaborar unha comparativa sobre a recadación obtida e o éxito entre o público desta edición e as dos exercicios anteriores.