A veciñanza da Residencia ten moitas sospeitas de que o edificio do vello Xeral está a ser ocupado de forma ilegal. A denuncia, a traslada a portavoz de Lugonovo que onte se reuniu cunha representación dos residentes neste barrio da capital.
“A existencia dun colchón á porta da entrada pola que antigamente se accedía ás consultas externas é xa un bo indicio de que o recinto ten actividade pero o feito de que o enreixado estea solto e permita o paso sen ningunha complicación dá moita credibilidade ás testemuñas que aseguran que é posible ver luz no seu interior durante a noite”, explica Cristina Pérez Herráiz.
O Grupo Municipal insta ás administracións a revisar o complexo pormenorizadamente para detectar se ten inquilinos, tendo en conta que a súa estrutura presenta danos e non resulta segura. “Falamos tamén de que hai unha elevada probabilidade de que a mocidade estea empregando este espazo como escenario alternativo de botellón polo que pedimos que se inspeccionen ben todas as dependencias e se proceda ao seu peche con absolutas garantías”, di Pérez Herráiz.
A voceira da formación acudía onte á Residencia para falar dos termos que recolle o convenio que hoxe asinan a rexedora lucense e o conselleiro de Sanidade para o Centro Integral de Saúde proxectado. “Inseguridade sería o termo máis axeitado para definir a pouca claridade que transmite o documento nos puntos de acordo, sobre todo, no que garda relación coa rebaixa dos impostos municipais e que pode supoñer ampliar indefinidamente a hipoteca na que a señora Lara Méndez afundiu ao Concello cando firmou o protocolo para equipar o novo Auditorio”.
Cristina Pérez cualifica de “estafa e, por riba, consentida” que o goberno local “acceda ás pretensións de seguir eximindo á Xunta de pagar o IBI cando ademais vimos de comprobar que dotar a instalación cultural sairá un millón e medio de euros máis barato do previsto. “Ou o que é o mesmo: que a cidadanía lucense, que xa é a que pagaba o equipamento cos seus impostos, agora tamén lle regalará todos eses cartos ao executivo autonómico grazas a fantástica xestión realizada pola alcaldesa no seu día”.
“Pactos Psoe – PP cos que, cremos, non se pode prexudicar máis ao interese xeral, e que merecen un rexeitamenteo contundente, polo que, ante os últimos acontecementos, trataremos de impulsar, dende Lugonovo, que se retomen as mobilizacións sociais despois do San Froilán”.