Lugonovo denuncia unha vez máis oscurantismo nas contratacións que está a facer Carmen Basadre dende a Concellería de Cultura. En declaracións aos medios o portavoz da plataforma, Fernández Rocha, cualificou de “cousa de meigas, que ningún departamento municipal, nin Contratación, nin Actas, nin na mesma Cultura, os funcionarios teñan constancia, a día de hoxe, da factura ou tan sequera da proposta de gastos, obrigatoria para outorgar a concesión da pista de xeo que está operativa na Praza da Horta do Seminario”.
“Porque o Pleno foi o día 21 de decembro, que se cadra a 28 poderiamos afirmar con rotundidade que é unha inocentada do goberno”. O portavoz do Grupo Municipal Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, califica de tomadura de pelo a xestión e a resposta que obtivo a formación, por parte da concelleira Carmen Basadre, sobre esta cuestión.
Cómpre lembrar que foi Lugonovo, quen levou á sesión de onte unha pregunta para que a concelleira dese resposta oral durante o transcurso da mesma. “Hai dúas circunstancias que, certamente, nos enchen dun profundo estupor – sinala Fernández Rocha- a primeira é a evidencia de que as contratacións tramitadas por esta concellaría parecen estar exentas de calquera tipo de supervisión ou control que garanta a súa imparcialidade e, a segunda, que, incriblemente, a resposta que recibimos espertou máis rubor en nós que en quen nola deu”.
A contestación á que se refire non foi máis que unha lectura da definición que recolle a lei do que son os contratos menores e como se tramitan, algo que, nin sequera, nesta ocasión, parece terse feito en conformidade. “Chegar ao Pleno, que é o órgano de máxima representación da Corporación e fusilar o dicionario é, para empezar, unha falta de respecto a toda a oposición, un exercicio de presuntuosidade e condescendencia intolerable e unha evidencia de que esta edil non só fai o que lle dá a gana, contando co consentimento do resto do equipo de goberno, senón que ademais alardea da opacidade e da falta de transparencia coa que está acostumada a traballar”.
“Que non dubide, nin por un momento, continuou Fernández Rocha, que empregaremos todas aquelas ferramentas, dentro do marco democrático, que estén na nosa man para obter a información que reclamamos, á que temos dereito e que é a nosa obriga reivindicar para averiguar se as cousas están ben feitas. Estea Carmen Basadre conforme con isto ou non, en Lugonovo cremos que o político debese ao cidadán e, polo tanto, debe dar explicacións que demostren que a súa administración obedece ao interese xeral. O contrario, non motivar ou directamente esconder as súas xestións, só xera desconfianza”.
Neste senso, e ante o feito de que, polo momento, non exista ningunha proposta de gastos ou outra documentación escrita que se poida solicitar e consultar sobre os termos nos que foi asinado o devandito contrato, o Grupo Municipal Lugonovo presentou, esta vez por escrito, a mesma pregunta, advertíndolle que vixiará escrupulosamente os prazos nos que debe dar contestación á mesma.