O período de garantía do MIHL rematou en outubro e os 70.000 euros que quedan de fianza serán absolutamente insuficientes para asumir o arranxo das numerosas deficiencias que arrastra, catro anos despois da súa apertura.
A denuncia de Lugonovo vai acompañada dunha dura crítica ao goberno e dun cuestionario, ao respecto, para saber como pensa afrontar a reparación de toda as eivas que aínda presentan as instalacións e para as que non será de abondo o aval que resta.
Santiago Fernández Rocha considera que “despois de 124 mil euros gastados en correccións e cunha longa lista de melloras por acometer, demóstrase que ou ben o emprazamento, ou ben o proxecto non eran os máis axeitados. A día de hoxe a construción aínda non rematou de repisar, debido á plasticidade do terreo pola humidade que afecta á zona. Isto tradúcese, entre outras cousas, en fendas no chan e na rotura de tres paneis de vidro, a razón de 13.000 euros cada un”.
“O que non se entende é como o Concello puido recepcionar a obra neste estado porque agora terá que botar man de fondos propios para solventar o elevadísimo mantemento que ten este Museo, unha infraestrutura cultural a todas luces faraónica e que pode ter a mesma consideración para as necesidades de conservación que esixe”, reprocha o voceiro do Grupo Municipal.
Os edís da formación recrimínanlle ao equipo de goberno que non aproveitase o período de garantía para forzar á empresa construtora a asumir todas estas reparacións. “Dá a impresión de que o MIHL se fixo coa única obsesión de inauguralo pero sen ter en conta as consecuencias que ía traer consigo a súa localización, a todas luces errada, pero que agora pagaremos tódolos lucenses. As constantes complicacións no bombeo de auga e o gasto enerxético que supón son o mellor botón da mostra dunha xestión e planificación neglixentes ”.