Lugonovo denuncia que Lara Méndez obstaculiza a creación da Comisión de Contratacións

A agrupación municipal Lugonovo denunciou esta mañá que once dos 19 contratos que o Concello de Lugo mantén caducos, neste intre, atópanse sumidos “na absoluta incertidume”. Sobre eles, a alcaldesa “non foi quen de trasladar nin un só dato no seo da Xunta de Voceiros” que ela mesma convocou con esa finalidade esta mañá.

“A reunión de hoxe, para dar conta dos procesos de licitación en curso, pareceu máis un lavado de cara que outra cousa”, lamenta Santiago Fernández Rocha.

“Transparencia e boa xestión é moito máis que ofrecer, a grandes trazos, algúns detalles do estado de tramitación no que se atopan oito concesións”. Para o portavoz de Lugonovo a verdadeira vontade política do equipo de Lara Méndez queda reflectida á perfección no feito de que a rexedora estea a obstaculizar a creación da Comisión de Control da Contratación proposta pola formación en outubro pasado.

“Senón, non se entende que ignorase xa en dúas ocasións os requerimentos que lle fai a vicesecretaria, o último deles o 17 de marzo, para que dea as ordes oportunas coa fin de designar aos representantes políticos e poder constituíla”, reprocha o voceiro tras consultar os informes de seguimento da moción. O proceso, que segundo explican os ténicos municipais, tería unha duración aproximada de 15 días, arrastra xa unha demora de seis meses, “reflexo – entende Fernández Rocha – das verdadeiras intencións que amosa o executivo por poñela en funcionamento”.

“A petición deste novo instrumento de fiscalización tiña a vocación, non de entorpecer ou ralentizar os procedementos, senón de darlle maior claridade ás adxudicacións despois de que nos últimos meses se dera traslado da situación de irregularidade na que se atopan moitas delas así como do elevado número de reparos de legalidade que reciben, cada mes, por parte da Intervención”.

“A Comisión de Control da Contratación debe ser unha ferramenta de vixilancia á xestión política: a principal labor que ten a oposición. Xa quedou dabondo constatado que a axilidade non é precisamente o que define o traballo deste goberno, por iso insistimos na necesidade de ter a capacidade de interpelalo pero non durante un relatorio voluntario da alcadesa senón nunha reunión na que se posibilite, ademais, o acceso a tódolos expedientes e na que se dispoña de aclaracións técnicas”, conclúe Santiago Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com