Víctor Álvarez concelleiro de Lugonovo denunciou que, na comisión de Seguimento do DUSI o que primou foi “informes de xestión de 10 minutos en vez dun espazo de debate e comparación de proxectos e ideas para a cidade”. Neste órgano de traballo municipal , “foi onde a alcaldesa Lara Méndez se limitou a repasar o estado dun total de catro proxectos vinculados a esta Estratexia sen entrar polo fondo nun debate construtivo sobre cada un destes”.
Para Lugonovo , “as Comisións son un espazo importantísimo onde contrapoñer ideas e iniciativas que non atopan marxe no Pleno” pero, na xuntanza de hoxe, segundo subliñou Álvarez, “o goberno local limitouse a expoñer a situación de catro proxectos ligados ao DUSI”.
Para o concelleiro de Lugonovo, “esta situación é consecuencia lóxica da desidia con que o goberno municipal xestiona a cidade. Unha actitude que acaba por menosprezar as institucións e hoxe maniféstase nunha xuntanza á que acudimos como meros figurantes que non contaba, sequera, con orde do día”.