A portavoz de Lugonovo Cristina Pérez alertou hoxe sobre a situación da Avenida Duquesa de Lugo, da que foron anunciadas as obras de desdobramento no mes de marzo para finais deste mesmo ano. A vía, unha das principais entradas á cidade dende o Ceao e a autovía do Noroeste A6, agarda por esta obra dende a súa aprobación.
Cristina Pérez recordou que o feito de non ter comezado as obras provoca unha evidente carencia de visibilidade durante os días de mal tempo. Cuestionou ademais a inactividade do Concello, que non se ten ocupado neste intervalo de espera de repasar a pintura da zona a fin de aumentar a seguridade vial.
Problemas coa pintura
“Non é o único lugar onde unha man de pintura sería necesaria” salientou, antes de lembrar que “o repintado das rúas é unha das necesidades de Lugo que o verán permitiría ter acometido se tivera habido vontade de facelo”. Actualmente, e co mes de agosto a piques de rematar, achégase un curso escolar coa sinalización dos pasos de peóns en estado francamente mellorábel en moitas zonas da cidade.
“Trátase dunha falta de seguridade viaria que o Concello ten a obriga de solucionar canto antes” afirmou Cristina Pérez.