A plataforma cidadá Lugonovo continúa coa devolución de todas as achegas económicas feitas pola cidadanía e que serviron para financiar a súa campaña para os comicios municipais. O grupo utilizara dúas vías para conseguir cartos para o período electoral; por unha banda achegas individuais (aquelas que superasen os 500 euros), e os bonos de 50 euros. Así, logo de reembolsar as aportacións individuais no mes de setembro, Lugonovo disponse a devolver os bonos. Deste xeito, “os colaboradores e colaboradoras que queiran recuperalos serán contactados durante o mes de febreiro, aínda que tamén poderán poñerse en contacto con Lugonovo”, explicaron dende a formación. Uns cartos que durante a campaña se comprometeran a devolver nun período máximo dun ano e que, destacan, finalmente se están reembolsando con moito tempo de adianto.
Lugonovo lembra que financiou a campaña “unicamente coa aportación voluntaria de colaboradores/as e simpatizantes, sen contar con ningunha axuda de empresas ou banca” e reiteran o seu agradecemento “aos centos de lucenses que o fixeron posible co seu traballo e a súa aportación efectiva”. Tamén deron as grazas “a toda a xente que nos apoia día tras día, esperando que o traballo dos nosos concelleiros non lles teña defraudado, así seguiremos traballando por un LugoNovo”.