As declaración feitas polo voceiro do goberno municipal, Luís Álvarez, en rolda de prensa este mediodía a preguntas dos xornalistas sobre Lugonovo nas que contestou: “primeiro chantaxes, despois ultimatúns”, engadindo “confiemos que non cheguen á fase de agresión armada, porque casi parece un escenario prebélico que se están encargando única e exclusivamente de alimentar os señores de Lugonovo”; tiveron inmediata resposta por parte da plataforma política, quen por boca de Xosé Anxo Laxe, un dos negociadores co Psoe, contestou que a realidade de todo isto é “o que hai é un pacto secreto entre PP e PSOE para seguir alimentando o bipartidismo e as prebendas”.
Laxe engadiu ”queren seguir esquilmando ao concello e verase como, se isto segue así, no pleno de organización logo da elección de alcalde, PP e PSOE se reparten liberacións e asesoramentos, tal e como sucedeu nesta lexislatura onde se aprobou por unanimidade de Psoe, PP e Bng un presuposto de 1.500.000 euros para gasto dos tres partidos” e engadiu que ”Lugonovo non vai colaborar nese dispendio aos cidadáns”.
Como se pode observar, de momento, as posturas están totalmente enfrontadas é a día de hoxe Jaime Castiñeira é o candidato que ten máis posibilidades de ser elixido alcalde o próximo día trece.