As eleccións municipais deixan, na cidade de Lugo, uns resultados sorprendentes, cos que, se ben volvía a gañar o PP, esta vez facíao sacándolle, non un senón dous concelleiros aos socialistas de Lara Méndez. Un cambio notorio, tamén nas esquerdas, que acabou sacando do consistorio a Lugonovo e Esquerda Unida deixando ao BNG con 5 concelleiros no que antes eran dous.
No lado das dereitas, a cidadanía volveu a presentar os seus apoios a Cidadáns na mesma medida que nos pasados comicios o que deixa a agrupación de Olga Louzao nos mesmos dous sillóns do salón de plenos.
Neste escenario político que se presenta na cidade amurallada, moitas son as primeiras impresións dos candidatos. Así o BNG, daba na noite de onte, un amplo agradecemento aos que confiaron no seu partido, facéndolle subir 3 ediles con respecto ás anteriores eleccións. Rubén Arroxo, voceiro da agrupación, comentaba que, tras o resultado tan positivo obtido polo seu partido, escondese “unha gran resposabilidade” que os obriga a acadar un “entendemento” cos socialistas de Lara Méndez a pesares de que os modelos de cidade “distan moito un de outro”.
Neste senso, e pendentes do que vaia a pasar na cidade de Lugo, a candidatura de unidade popular Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida- Equo, que perdeu o único edil que tiña na corporación, considerou esta mañá que “todo o espazo político da esquerda alternativa debe iniciar un proceso de reflexión e autocrítica por non ter sido capaces de mobilizar ao electorado”. O voceiro da formación, Carlos Portomeñe, advertiu ao BNG que “extreme o celo e a presión” e intente garantir que o vindeiro goberno da cidade aplique “políticas transformadoras”.
Perdía a representación Alternativa Cidadá de Esquerdas, pero tamén Lugonovo que contaba no consistorio con tres ediles. Xosé Chorén, o que era candidato á alcaldía, amosouse “defraudado” ante os resultados destes comicios pero si valorou positivamente que Lugo poida seguir tendo un goberno de esquerdas.
Pola súa banda, a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, amosouse contenta tras ver os resultados de seguir formando parte da corporación na mesma porcentaxe. Louzao botou en falta un “maior apoio da cidadanía” ao seu programa pero asegurou que seguirán “fiscalizando a acción de goberno, dende a oposición”.
Mai 27, 2019 - 10:15 PM
O pp en Lugo non lle sacou nin ún nin dous concelleiros aos socialistas xa que estes tiñan oito e oito voltan a ter.
Mai 28, 2019 - 06:21 PM
Ao que se refire o artigo é a que supera ao PSOE con dous concelleiros, ao igual que nas pasadas eleccións superábao con un.
Mai 29, 2019 - 01:42 PM
Eso é distinto
Mai 27, 2019 - 10:09 PM
Volve o pasado?