Lugonovo e ACE-EU satisfeitos coa renuncia do Secretario Xeral do Concello

O grupo municipal de Lugonovo amosou a súa satisfacción pola renuncia do secretario xeral do Concello, despois de ser imputado no marco da “Operación Polbo” o pasado venres, 11 de marzo.

Lugonovo solicitoulle o pasado venres ao Goberno a necesidade, por razóns éticas, de cesar a José Antonio Mourelle Cillero do seu cargo no Concello, despois de coñecerse ese mesmo día a súa imputación xunto coa doutros 5 funcionarios da Deputación, e coa do expresidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro.

Esta esixencia de Lugonovo veu dada pola actitude de tolerancia cero coa corrupción que a formación vén defendendo dende a súa entrada na institución municipal. O grupo municipal cre “que é a propia ética política a que debe urxir ao Goberno a tomar medidas cando se producen este tipo de casos, como única vía para a recuperación da credibilidade e a renovación das institucións que tanto vén demandando a cidadanía”.

Pola súa banda O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida tamén se amosou satisfeito pola renuncia e esixe “ao goberno local que saque a concurso con efecto inmediato a praza da secretaría xeral do Pleno do Concello de Lugo, para garantir que o posto sexa cuberto de acordo a criterios obxectivos e que non responda a unha selección á carta por parte de alcaldía, como vén ocorrendo dende hai moito tempo nesta casa consistorial”. “O actual secretario, que acaba de dimitir esta mesma mañá do seu cargo trala súa imputación no marco da Operación Pulpo que investiga o arranxo fraudulento de subvecións europeas na Deputación de Lugo, na que tamén exercía como secretario adxunto, foi nomeado por un decreto da alcaldía a pesares das incompatibilidades derivadas da súa acumulación de cargos, e menos dun mes despois da súa toma de posesión volvemos a estar sen secretario no Concello, que é a figura administrativa máis importante desta institución, por ser o encargado de velar pola legalidade de todo o traballo municipal”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

O voceiro de ACE preguntouse tamén por que se nomeou con tanta premura a esta persoa, Secretario Xeral, porque segundo CC.OO non posúe a categoría funcionarial propia “para estar ao fronte do Pleno dun Concello das características do de Lugo”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com