Na asemblea celebrada onte pola formación política Lugonovo ratificouse o que xa anunciaran os seus dirixentes días atrás: manter o veto a Orozco como alcalde e instar ao Psoe a que cambie o candidato, ademais de esixirlle que reduza o 50% os gastos en asesores, para dedicalos a servizos sociais. Asemade e xa postos, recrimináronlle a Esquerda Unida e a Carlos Portomeñe, ter creado ACE. Hai que lembrar que Esquerda Unida non quixo entrar en Lugonovo porque eles querían negociar en base a un programa, Esquerda Unida segue coa teima aquela de Anguita: programa programa, programa e como tal cousa non aparecía, optaron por facer a súa plataforma política, declararon a este xornal portavoces de ACE.
Dende Lugonovo seguen tamén coa teima da dimisión de Orozco como pedra angular das negociacións, pero necesítase, por unha banda escoitar ao BNG, non se debe obviar que o Bloque aspira a seguir na Deputación. Por outra e máis importante, como afrontar o tema da elección do alcalde, unha vez apartado o alcalde en funcións. Porque non hai que esquecer, que no suposto que os socialistas aceptaran tal condición, sobrevirían varios problemas. A saber: Orozco dimite, a seguinte da lista Lara Méndez sería a candidata e de momento, que se saiba, non dixo que quixera ocupar tal cargo. Se dixera que non, tería que dimitir para que fora candidato o seguinte, Santín. Pero se Méndez dimite quedaría automaticamente fora do concello e polo tanto da Deputación. Estaría a sra. Mendez disposta, se non quere ser alcaldesa, a abandonar a política?. Haberá que preguntarllo.
Cal sería a solución máis, doada, pois votar a Orozco para alcalde e que unha vez nomeado dimitise. Deste xeito xa se podería votar a calquera candidato. Estaría Lugonovo disposto a correr ese risco?