Lugonovo esixe medidas para protexer a mámoa do “Leiraparking” do Hula

A portavoz de Lugonovo Cristina Pérez reclama medidas de especial protección para o túmulo megalítico situado no coñecido como “Leiraparking” xunto ao Hospital Universitario Lucus Augusti, ante a intención do Concello de Lugo de habilitar esta parcela municipal como aparcadoiro.

As declaración foron realizadas durante a visita que unha delegación de Lugonovo realizou ao lugar en compañía do experto en prehistoria Xabier Moure do blog O Noso Patrimonio. Durante a mesma constatouse a necesidade dunha zona de protección máis ampla dos cinco metros inicialmente previstos, especialmente na zona frontal da mámoa. Ademais, mediante a aplicación da figura de posta en valor que recolle a Lei de Patrimonio galega, Lugonovo propón que se coloque un panel informativo baixo que contextualice a mámoa e a súa datación histórica no conxunto do rico complexo megalítico de San Cibrao do cal forma parte.

O túmulo necrolóxico ameazado polas obras do “Leiraparking” está incluído no inventariado de xacementos arqueolóxicos da Xunta xunto a cinco máis que forman a zona de protección do monte de San Cibrao. No caso concreto desta mámoa, falamos dun monumento recente (3000 a.c., en comparación cos 6000 a.c. do máis antigo) pero, en termos absolutos, anterior a necrópoles referenciais da humanidade como a pirámide de Gizeh en Exipto.

Lugonovo reivindica “o cumprimento efectivo da lei galega que delimita unha zona de protección integral neste tipo de xacementos que alcanza os 200 metros, fronte ao simple peche de madeira en perímetro de 5 metros que se propón dende o Concello”.

Ademais, a delegación de Lugonovo constatou a perigosidade para o túmulo do trafego continuado de vehículos por riba das zonas soterradas do túmulo, cuxas emisións e vibracións poden afectar seriamente ao monumento. “Pedimos que a equipa de goberno xestione mellor o noso patrimonio, especialmente o prerromano que se atopa fóra da cidade” explicou a concelleira, quen lamentou tamén “os gastos en tecnoloxía para turistas nos museos da cidade que en breve quedarán obsoletas mentres se abandonan estes xacementos exteriores”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com