O grupo municipal Lugonovo proporá no pleno unha serie de medidas para garantir “rigor e xustiza no cobro do IBI”, o Imposto de Bens Inmobles. Por unha banda, Lugonovo fará un rogo no próximo pleno para que o Concello revise o conxunto dos inmobles do municipio e obrigue a pagar este imposto por aqueles locais e edificios “que non cumpren función de servizo público ou social”.
Lugonovo tamén é moi crítico coa normativa que regula as exencións no pago do IBI, polo que levará á comisión na que se debate a actualización das ordenanzas fiscais de 2017 unha proposta para instar ao Goberno do Estado a que inicie “as reformas lexislativas” necesarias para que “as exencións en materia de IBI se establezan en función do uso dos inmobles, e non en base á súa titularidade”.
O grupo municipal recoñece que existen “moitos inmobles propiedade da Igrexa, ONGs, fundacións e asociacións de utilidade pública, Defensa, etc., que teñen unha inequívoca contribución pública” e que, ao seu xuízo, non deben pagar o IBI “polo ben común que perseguen”. Caso contrario é o dos solares, vivendas, inmobles alugados a terceiros etc., “que non cumpren tal función” e que para Lugonovo terán que pagar os tributos e impostos correspondentes.