Lugonovo denunciou esta mañá o deterioro do Parque dos Paxariños, facéndose eco das queixas dos veciños da zona. “A área infantil permanece pechada, os sendeiros son, literalmente, un pedregal e a vexetación, moi descoidada, contribúe a elevar a imaxe de abadono que reflicte o Parque dos Paxariños”, explica a agrupación nun comunicado.
A portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, chama a atención do goberno local, ao respecto. “É unha das poucas dotacións axardinadas coas que conta o sur da cidade e practicamente o único espazo de lecer do que dispón a veciñanza das Fontiñas, un dos barrios máis poboados da capital”, explica Pérez Herráiz. “Coa maleza inutilizando boa parte do soar, os camiños convertéronse ademais nunha trampa esvaradía para os viandantes porque o grixo que se botou, non compactou co chan e quedou esparexido tralas últimas trombas de auga”.
A crítica da voceira esténdese ao feito de que o recinto de xogos para os máis cativos atópase precintado, impedindo o seu uso. “Queremos saber por qué motivo se clausurou esta zona de actividades, canto tempo leva así e, sobre todo, cando volverá a estar ao servizo das familias da contorna”, refire Pérez Herráiz.
A agrupación municipal trasladará todas estas cuestións á vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible xunto con outras relativas á creación dos hortos urbanos previstos nestes terreos. “Previsiblemente, a ordenanza que regula a súa adxudicación irá ao Pleno deste mes pero, a simple vista, non se aprecia que se teña avanzado moito na súa configuración. Non hai pegada de cómo estarán distribuídos, nin tampouco se observa outro signo que evidencie a súa futura instalación. Dende Lugonovo anuncian, asemade, que rexistrarán tamén un rogo solicitando o acondicionamento do lugar.