O Grupo Municipal de Lugonovo levará ó vindeiro Pleno unha proposición para promover a creación dunha Renda Básica Municipal que garanta que ningún veciño ou veciña se quede sen os ingresos básicos que lle permitan vivir dignamente.
“Ainda falta un longo traxecto para superar a crise económica actual. Esta profunda recesión puxo de manifesto que os recursos asistenciais cos que traballan as administracións son insuficientes, que hai que redefinilos para adaptalos ás necesidades reais e que son as institucións locais as que están máis ao tanto desas demandas”, subliñou a concelleira Cristina Pérez Herráiz, promotora da iniciativa.
Precisamente, a edil de Lugonovo insta ao executivo local a rematar canto antes o Mapa Social comprometido para que as súas conclusións sexan a base sobre a que redactar os pregos desta nova prestación.
“A proximidade coa cidadanía é a principal baza da que dispón o Concello para facer unha análise fidedigna dos distintos estratos sociais, do nivel de renda e da calidade de vida da súa poboación. Imos aproveitar todos eses datos para saber cantas familias se quedan fóra das axudas existentes, cantas precisarían do apoio desta nova ferramenta integradora e cal debe ser o seu marco de aplicación para facela o máis efectiva posible”, destaca Pérez Herráiz.