Lugonovo insta ao Concello a engarzar o Sistema Ora co Plan de Mobilidade

Lugonovo ven de solicitarlle ao Goberno Municipal que o Sistema Ora estea dentro do Plan de Mobilidade, para deste xeito “converter ás persoas nas primeiras protagonistas da accesibilidade na cidade, diminuindo o uso do turismo privado así como os niveis de contaminación acústica e atmosférica mellorando asemade a seguridade vial”. Baixo esta premisa a formación acudirá, con varias propostas, á proxima xuntanza desta Comisión técnica, prevista para o día 4 de xaneiro.

“Dende a nosa formación, apunta o portavoz, Santiago Fernández Rocha, entendemos que o goberno debería sacar do caixón do esquecemento este Plan, que tantos cartos lle costou aos lucenses, e poñelo en marcha contemplando tamén varias medidas encamiñadas á súa efectividade”.

Fernández Rocha insistiu en crear un proxecto sustentable “Lugo non pode perder máis tempo, hai que traballar en firme sobre un modelo definitivo no que tódalas propostas que se desenvolvan vaian encamiñadas a corrixir os actuais defectos e a mellorar a habitabilidade e o tráfico pero dunha maneira proveitosa”.

Neste senso, Lugonovo propón “aproveitar este momento para poñer en marcha, de forma experimental, varios aparcamentos disuasorios nas aforas da cidade e conectar estes cunha rede de transporte público gratuíto moito máis nutrida e efectiva ca actual”.

Asemade o voceiro pide “que a flota municipal esté integrada exclusivamente  por automóbiles limpos (eléctricos ou que usen biocarburantes como biodiésel e gas natural comprimido) e promover a instalación de pasos elevados ou outros sistemas de redución da velocidade que aumenten a seguridade”. “Medidas que poderían entrar xa en vigor amparándose neste Plan de Mobilidade”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com