Lugonovo elabora “a ruta das antiprazas” do Concello de Lugo e critica que se converteran en “eiras de cemento armado”, como cualifica o seu voceiro, Santiago Fernández Rocha, as prazas de Agro do Rolo, Horta do Seminario, Nemesio Cobreros, Augas Férreas, Fonte dos Ranchos, Camiño Primitivo “e mesmo a de San Marcos, onde a reforma superou o millón de euros”. Dende a agrupación municipal instan ao goberno local a humanizar estas zonas recreativas.
Todas son, segundo Fernández Rocha, exemplos da “mutación” que as prazas públicas foron experimentando nas últimas décadas. “Esto non son prazas, senón xusto o contrario, zonas de tránsito rápido, que non convidan nin á socialización nin á convivencia”, lamenta o portavoz de Lugonovo.
Fernández Rocha fala de espazos mudos e anódinos, sen substancia, alleos á teórica “humanización” que se pretende da cidade. “Están feitos de costas á tradición e idiosincrasia da paisaxe galega que, ate o momento, perseguía unha simbiose entre arquitectura, natureza e poboación. Unha praza sempre se entendeu como un lugar acolledor para o descanso, o lecer e a conversación, con bancos e árbores dos que aproveitar a sombra. Pero a tendencia, dende hai xa tempo, é a de transformalas en desertos fríos, monótonos e impersoais, polos que pasar pero sen deterse”.
A crítica do voceiro exténdese máis aló da aparencia estética para dar conta doutra realidade. “Este novo estilo urbanístico, en función máis das modas que do sentido pragmático, rompe coa liña histórica do municipio e, se xa había poucas áreas de xogo infantil, acabou por desprazar definitivamente aos nenos”.
“Cómpre devolverlle estas localizacións á xente, enchelas de vida e non de formigón, dotalas de verde e non de gris, que sexan un reclamo e creen identidade, promovendo as relacións e non o illamento”, subliña Rocha.
A proposta de Lugonovo pasa por iniciar canto antes un estudo de rexeneración destes emprazamentos, do aproveitamento dos seus usos aínda que sexa, cando menos, cun carácter estacional ou itinerante.
“Debe ser unha aposta firme da Corporación. Reverter pouco a pouco a desolación que propician estas antiprazas. Agora que, parece, coa próxima revitalización do Agro do Rolo, se están dando os primeiros pasos para a reconversión destes espazos, instamos ao goberno a continuar con firmeza no proceso de recuperar Lugo para os lucenses”.