Lugonovo insta á edil de Cultura a pór fin á opacidade da revista do San Froilán

A concelleira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, rexistrou esta mañá varias preguntas para que Carmen Basadre explique como ten pensado dirixir a edición da revista do San Froilán deste ano. Trala primeira das Comisións Especiais nas que se abordan os festexos, a edil de Lugonovo considera que é momento de que a titular de Cultura decida se “persevera no seu proceder escurantista ou se comeza a facer as cousas como é debido”.

“Aínda non sabemos cómo definir a relación entre o Concello e a empresa que se encargou da súa elaboración os últimos exercicios. ¿É acordo, é convenio ou é apaño? Sexa o que sexa, é cuestionable dende o punto de vista público e está por ver se tamén legal”, advirte Pérez Herráiz.

Para a edil de Lugonovo non é admisible o razoamento ofrecido por Basadre no seu día de que este “concerto” foi unha herdanza de mandatos anteriores. “Eso non é transparencia, é conivencia e, dende logo, nin o compartimos nin nos convence. Ao contrario, preocúpanos que, baixo o mesmo pretexto, a situación se perpetúe”.

Dende a formación cren que ás portas de xuño, hai tempo suficiente para rectificar o procedemento e cinguilo á máis absoluta obxectividade. “Quedan aínda catro meses para outubro, tempo dabondo para redactar os pregos dun novo contrato, garantindo a libre competencia e a igualdade de oportunidades. Iso é o que pedimos”, explica Cristina Pérez.

A concelleira non comparte o criterio do executivo que descartou modificar as bases para a adxudicación das casetas e caldeiros do polbo despois de quedar desertas, por impago, dúas das instalacións e agarda que, neste caso, Carmen Basadre reflexione sobre a idoneidade de manter “o método” en vigor para divulgar os programas e carteis do San Froilán. “Din que rectificar é de sabios e a nós gustaríanos, por unha vez, non ter que sospeitar das estratexias de licitación que efectúa este departamento”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com