Lugonovo lamenta a relaxación do goberno local que lastra o inicio do curso escolar

“Todo un curso para tomar nota das necesidades dos colexios e case tres meses de vacacións para poder executar as reparacións precisas sen interferir na actividade lectiva”, dous factores que, a xuízo de Lugonovo, o goberno non quixo aproveitar para seguir asentado “na xestión de ritmo caribeño á que nos ten acostumados”.

A edil da formación, Victoria Esteban Riesco, considera que “non parece de recibo agardar a que comecen as clases para proceder ao pintado das aulas cando levan moitas semanas baleiras e os centros estiveron practicamente desertos durante todo o verán. Por moito que os traballos de mantemento se fagan agora en horario de tarde estamos seguros de que ocasionarán importantes molestias á comunidade educativa. O cheiro intenso a pintura ou ter que andar apartando o mobiliario e ventilando constantemente as instalacións son cuestións facilmente evitables a pouca previsión que se teña”.

A concelleira da formación cualifica de “ausente” a capacidade de planificación do executivo ao que atribúe tamén unha notable falta de interese e unha escasa habilidade para interiorizar aprendizaxe algún daquelo que, dun ano para outro, convén corrixir.

“Así sucede co caos de circulación que, como un déjà vu, se repite cada xornada nas contornas escolares e sen que, dende o Concello, se lle poña remedio. De setembro a setembro as deficiencias son as mesmas pero, conscientemente, a administración local segue facendo ouvidos sordos a todas esas eivas”, subliña Esteban Riesco.

A edil sinala, como exemplo, as demoras na posta en marcha dos itinerarios seguros para o estudantado, “anunciados hai un ano e dos que nunca máis se soubo”. “En setembro de 2017 o equipo de goberno asegurou que estaba xa na fase de recollida de suxestións nos CEIP do municipio porque, na elaboración destes percorridos, terían en conta a opinión tanto de docentes como das Anpas, das asociacións veciñais e mesmo dos comerciantes e da políca local. Diso van xa 12 meses pero nada transcendeu das conclusións do estudo”, lamenta Victoria Esteban ao tempo que anuncia que Lugonovo preguntará nas vindeiras Comisións polos motivos deste atraso e tamén polo estado de tramitación no que se atopa o procedemento de concesión de bolsas para material escolar, “asuntos que, cremos, resultan fundamentais para as familias e que xa deberan atoparse, a estas alturas, ben avanzados”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com