Lugonovo lamenta que os hostaleiros lucenses non tiveran éxito na adxudicación das casetas

Os concelleiros do Grupo Municipal Lugonovo din lamentar “que a oferta económica dos hostaleiros lucenses fose insuficiente” para manter nas súas máns a xestión das casetas do polbo durante as festas de San Froilán deste e dos vindeiros tres anos.

“É unha mágoa que a lei de contratación pública prime os criterios económicos sobre outros factores que son igualmente importantes e que tamén deberían ser tidos en consideración”, subliña o portavoz, Santiago Fernández Rocha, quen destaca a notoriedade que este produto ten dentro da programación festeira.

“O polbo ten un protagonismo absoluto que queremos se siga mantendo e, como un dos prinicipais atractivos das celebracións, agardamos que os novos adxudicatarios saiban traballalo co mesmo coidado e agarimo que se fixo até o de agora para que continúe a ser o referente de Lugo no San Froilán”, subliña Rocha.

Neste senso, o voceiro da formación sinala a relevancia de respectar os estándares de calidade habituais e agarda que “o Concello non só vixíe de xeito moi estrito o cumprimento do resto das condicións contractuais, senón que suxire asemade a idea de que, nun futuro, a administración local esixa, para a adxudicación das casetas, que as empresas teñan unha experiencia contrastada no tratamento da gastronomía tradicional co fin de preservar os seus valores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com