Lugonovo preguntaralle ao goberno local cales son os plans que ten para mellorar a accesibilidade ao centro de saúde de San Roque. A formación recorda que o executivo comprometeuse a desenvolver, de forma conxunta coa instalación do ascensor de Fontiñas, outras medidas de humanización que corrixiran as dificultades que esta contorna presenta para a mobilidade cidadá.
“Sorprendeunos moito que a alcaldesa non lembrara a súa promesa e non anunciara a semana pasada, xunto a eses supostos avances na tramitación do elevador, cales son as actuacións que acometerá o Concello neste barrio para atender ás demandas da veciñanza, que leva anos e anos queixándose dos atrancos que debe superar para achegarse ao ambulatorio”, refire Cristina Pérez Herráiz.
Tras revisar a documentación relativa á Xunta de Goberno do día 9 de maio, no que foron aprobados os pregos de contratación dos traballos, a portavoz de Lugonovo lamenta que no referido expediente non houbera ningún informe municipal que recollera outras intervencións encamiñadas a facilitar os desprazamentos polos arredores das instalacións sanitarias.
“No mes de xaneiro a Corporación amosou o seu apoio unánime a iniciar os estudos dunha reforma urbanística de toda a zona para adaptar a súa topografía ás necesidades da poboación. Catro meses despois, o único que temos segue sendo moita propaganda pero, polo que se ve, ningún trámite técnico que confirme a vontade da rexedora por cumprir coa súa palabra”, advirte Pérez Herráiz.
O Grupo Municipal subliña que a orografía desta parte da capital resulta moi complexa e que os peóns carecen de beirarrúas de dimensións axeitadas para camiñar ou mesmo de pasos de cebra ben situados para moverse con facilidade e cruzar de forma segura.