Victor Álvarez coordinador de Lugonovo, facía onte unhas declaracións onde dicía “que non esqueza o señor López Orozco que el foi imputado pola xustiza, non por Lugonovo”.Estas declaracións facíaas por mor doutras feitas anteriormente polo exalcalde.
Alvarez tamén subliñou, “que teña moi claro tamén que esta formación nin se arrepinte nin se avergonza de telo apartado dunha alcaldía que el mesmo debería ter abandonado para non seguir sementando dúbidas sobre a honorabilidade do Concello, tendo en conta o calado das acusacións ás que debía facer fronte.”
O coordinador da Plataforma respondía así as declaracións realizadas polo ex rexedor lucense despois de que a Audiencia arquivara o seu caso dentro do expediente do guindastre e nas que acusaba a esta organización de poñer fin á súa carreira política.
“Unha cousa é que, nesta ocasión, a causa non vaia ter máis percorrido legal e outra moi distinta é que, vostede, como rexedor que era nese momento, non teña responsabilidade na sinatura dun dos contratos máis opacos e onerosos que tivo que asumir esta administración e que, aínda hoxe, lastra ás arcas locais”, sinala Víctor Álvarez.
“Tampouco fomos nós os que o convidamos a rodearse e poñer ao fronte das áreas máis destacadas do Concello nin ao señor Liñares nin ao señor Besteiro, nin tampouco os que propiciamos que, baixo o seu mandato, se asinaran as concesións do sistema Ora ou do aproveitamento da Fábrica da Luz, ámbalas dúas igual de exemplarizantes que a adxudicación da grúa. Nós non propiciamos a desorganización de persoal, agora xerme de tantos conflitos e da merma da eficacia dos servizos municipais, nin asinamos a edificabilidade para a área que segue ocupando o Garañón por iso temos meridianamente claro que non fomos nós os seus verdugos”, di o voceiro.
“Outra cousa distinta é que vendo o labor desenvolvido durante estes tres anos pola súa sucesora vexa a súa saída da Casa Consistorial como unha traxedia pero teña en conta tamén que estes lodos son a herdanza daquel po que, coa súa axuda ou sen ela pero sí baixo a súa supervisión, enlamaron o nome da cidade e que nada teñen que ver con Lugonovo”, conclúe Álvarez Arias.