Lugonovo levará ao Pleno Municipal unha proposta encamiñada ao recoñecemento ecolóxico da cidade

Conseguir unha cidade máis sustentable e promover políticas encamiñadas a cuidar e protexer o entorno. Con estas premisas o Grupo Municipal Lugonovo levará ó vindeiro Pleno Municipal unha proposición encamiñada a que a cidade demostre o seu compromiso co crecemento ecolóxico, e poida recibir o galardón “Folla Verde” (European Green Leaf).

O concelleiro Iñaki García destaca que “este recoñecemento non suporía só a mellora das condicións de habitabilidade de Lugo senón que tamén serviría para dar impulso a todo o municipio no relativo ao incremento do turismo e á xeración de riqueza e emprego”. A iniciativa de Lugonovo enmárcase na necesidade de unir tódalas forzas políticas e cidadáns para traballar conxuntamente en prol do medio ambiente e da concienciación ecolóxica.

Entre as actuacións que poderían poñerse en marcha para acadar este galardón, atópase o incremento das zonas verdes, pasando dos 6 metros cadrados actuais por habitante a 15; ampliar a recollida selectiva de lixo; favorecer o aforro enerxético; reducir o uso do coche e promocionar o transporte colectivo e a bici limitando zonas 30, onde sexa factible, para suavizar a intensidade do tráfico ou levar adiante unha actuación global sobre o río Miño.

“Medidas que reflectirían que Lugo está na vangarda dunha vida urbana respetuosa co entorno, atractiva e saudable e que é capaz de inspirar e servir de exemplo a outras vilas para que éstas realicen melloras polo seu futuro ambiental, logrando un desenvolvemento sostible”.

Lugonovo solicitará o apoio do resto dos grupos para que a Corporación aprobe a elaboración dun programa, con temporización específica, baseado na contribución local á loita contra o cambio climático, en incentivar o transporte público, incrementar os espazos verdes, reducir os ruídos, producir menos residuos e xestionalos eficazmente, protexer a natureza e a biodiversidade, mellorar a calidade do aire e da auga e apostar pola econinnovación e o emprego duradeiro cunha xestión ambiental impulsada polos poderes locais en prol da eficiencia enerxética. Cuestións, todas elas que non só mellorarán a vida dos lucenses, senón que tamén propiciarán que a cidade sexa unha auténtica Folla Verde”, concluíu García.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com