De “pecado capital”, definiu o portavoz de Lugonovo o estado no que se atopa o santuario de Santa Olalla de Bóveda, unha das construcións máis singulares de toda a arquitectura tardorromana, da que se so se coñece outra de semelantes características en Ásia Menor.
“É unha mágoa velo así. Como non lle boten man axiña eso non vai haber por onde collelo”, alerta Santiago Fernández Rocha, que insiste en que “clama ó ceo ata onde chega a deixadez das administracións. Resulta vergonzoso que estes días a Xunta anuncie que tratará de achegalo aos lucenses cando o que realmente precisa o templo non son folletos turísticos senón un Plan Director de coidados moi estrito e un incremento de dotacións ao seu carón que aumenten o seu atractivo”.
Dende a mesma sinalización, que está tan invadida polas silvas que é imposible atopala, a construción sofre un deterioro propio de calquera casa abandonada do rural.
“Nótase que dende hai moito ninguén mira por ela. A súa situación é lamentable e urxe dun mantemento en condicións que lle devolva a dignidade que merece, subliña Rocha, cómpre recordar que xa no 1931 foi declarado Monumento Nacional e no 1996 Ben de Interese Cultural, non é unha edificación calquera”.
O voceiro de Lugonovo fala, así mesmo, da ausencia dotacional que existe na contorna e que lonxe de atraer visitas contribúe a que o conxunto perda interese turístico.
“Non hai aseos, nin onde beber, nin onde sentarse a desfrutar da paisaxe. O descoido é tan absoluto como a pasividade institucional que permitiu chegar ata este extremo. Queda claro que a responsabilidade sobre o patrimonio é unha tarefa á que lle deron de lado hai moito tempo as autoridades competentes”, conclúe.