A plataforma cidadá Lugonovo pechará simbolicamente o curso político cun acto onde repasará o seu último ano de traballo nas institucións e nas rúas de Lugo. Durante o acto, que se celebrará o xoves 5 de xullo ás oito da tarde no local da plataforma, lembraranse algunhas das iniciativas máis destacadas de Lugonovo nestes ámbitos. O obxectivo é a posta en valor das accións de todo tipo destinadas a continuar desenvolvendo durante o presente curso político o programa electoral que en 2015 recibiu a confianza de milleiros de lugueses, así como a servir de ligazón entre as institucións e as inquedanzas e demandas cidadás.
Na mesma xuntanza procederase á entrega dos premios do concurso de fotografía Vexo, vexo… coa presenza das persoas premiadas, Ringo Xabier Bruña García e Cristina Barreiro González, e tamén do xurado composto por Cristina López Eimil, Senén Olano Álvarez e Eduardo Rodríguez Ochoa. Vexo, vexo… xurdiu como un berro de alerta de Lugonovo ante a degradación urbanística e patrimonial da cidade, chamando á cidadanía a integrarse na defensa dun modelo de cidade alternativo mediante a denuncia dos problemas do modelo actual, caracterizado polo desleixo e a improvisación. As fotografías participantes no concurso serán expostas no local coincidindo co acto.
Está prevista a asistencia de representantes de entidades e asociacións da cidade, así como persoas que teñen colaborado con Lugonovo ao longo do ano, outras mareas locais e representantes orgánicos e institucionais de En Marea. O peche de curso de Lugonovo servirá tamén como espazo de encontro entre actores políticos destinado a alicerzar a dinámica de cooperación. O acto rematará cunha actuación musical e petiscos.