“Resulta algo máis que preocupante que o goberno non teña a certeza de que vai a ser quen de sacar adiante as obras comprometidas con investimentos europeos. Sete anos de prazo para executar o Urban e boa parte das infraestruturas que contempla este Plan aínda están sen rematar. A alarma espállase non só pola proximidade de que se esgote o tempo estipulado para finalizalas senón tamén porque, en plena conta atrás, o equipo de goberno sementa tódalas dúbidas de que teña a capacidade de acometelas”.
Son as palabras do voceiro do grupo municipal Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, ante as declaracións do voceiro da executiva local, Miguel Fernández, “coas que levanta moitas sospeitas sobre a capacidade de xestión do equipo de goberno”.
“Co tempo xogando na nosa contra o que menos agardábamos era que o portavoz non afirmase con rotundidade que os cartos desas subvencións serán aproveitados ao máximo para cumprir co obxectivo que tiñan. Non dubidamos de que exista toda a vontade de materializar os compromisos acadados pero unha declaración de intencións non é suficiente. A estas alturas calquera dúbida sobre a execución do Plan supón unha quebra da confianza dos veciños e do resto dos grupos que non ímos a esixir menos que se desenvolvan por completo tódalas partidas conforme estaban previstas. A incertidume non ten cabida”.
Os concelleiros de Lugonovo non cuestionan o labor feito polo persoal técnico pero consideran que houbo marxe suficiente para rematar en tempo e forma todas esas obras e por tanto, presentarán unha pregunta sobre o estado de execución dos traballos pendentes e os motivos dos atrasos.
Ademais, instan ao equipo de goberno a tomar as rendas da gobernabilidade da institución aplicando as melloras necesarias para que o Concello inicie un proceso de axilización burocrática tan necesaria para a tramitación e a execución eficaz de todos os proxectos.