Os edís e a edil de Lugonovo valoran con moito escepticismo o “enésimo” anuncio de Núñez Feijoo de poñer en marcha unha nova comisaría no antigo Hospital Xeral.
“Non hai máis que mirar os orzamentos autonómicos deste ano para comprobar a consideración que a Xunta ten con Lugo e, en concreto, co barrio da Residencia”, salienta Santiago Fernández Rocha. “Un concepto para o que non se consignou nin un só euro de proveito, nin neste presuposto, nin nos 5 anteriores. Por non falar do froito que deron os 100.000 euros asignados polo Estado en 2016 para iniciar daquela o proceso da súa construción”.
O voceiro da formación rememora a morea de promesas políticas incumpridas que sitúan a esta parte da capital, na que reside o 15% dos lucenses, na diana do xogo electoral.
“Foi a ex conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, quen en 2012 anunciou a creación dun Punto de Atención Continuada e dun centro de saúde nas vellas instalacións do complexo hospitalario para que aliviara a masificación que sofre o da Milagrosa. Despois dela, o ex director xeral da Policía Nacional, Ignacio Cosidó, e Xosé Manuel Barreiro consideraron innegociable e prioritario facer, no mesmo edificio, a devandita comisaría de Policía. Pero diso xa hai cinco anos e nin rastro das dotacións, nin desa, nin de ningunha outra”.
Fernández Rocha lembra asemade o compromiso do portavoz municipal do Partido Popular durante os últimos comicios locais, para desenvolver na zona un xardín e unha área de xogos infantís que tamén quedou no tinteiro.
“E así podemos seguir indefinidamente cos propósitos dunha residencia para asistidos e non asistidos, dun laboratorio de saúde pública e, para rematar, a máis imaxinativa de tódalas propostas, a realizada este ano para sutuar aquí un centro de emprendemento da industria aeronáutica, pendente de estudo. Resumindo: todo era posible pero nada foi verdade – critica Rocha – “
O voceiro de Lugonovo anuncia que, nos vindeiros días, aproveitando que as contas do Estado aínda non foron aprobadas, trasladará unha iniciativa ao deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, para que presente unha emenda no Congreso na que se contemple unha partida económica capaz de efectivizar as verbas de Núñez Feijoo “e que estas non sexan, unha vez máis, un mero exercicio de propaganda”.