Lugonovo pedirá a retirada da subvención municipal ao Rof Codina

O Grupo Municipal Lugonovo solicitará ao Concello que non se lle conceda a subvención municipal prevista para 2018 ao Hospital Veterinario Rof Codina, no caso de que prospere a proposta da Xerencia deste centro para reducir o número de servizos e atencións que presta aos animais da Protectora de Lugo.

“Son instalacións que se nutren con fondos públicos e que, polo tanto, deben ter tamén unha vocación pública por riba de calquera outro interese e, moito máis, dun propósito de obter beneficios económicos. Especialmente cando estamos a falar de que son o único recurso para os animais do refuxio, que non poden dispoñer de ningún outro tipo de asistencia. É unha cuestión de compromiso deontolóxico pero, sobre todo, moral”, reprocha o edil da agrupación Iñaki García.

Por outra banda os edís da formación reiteran unha vez máis a súa petición para que se repinte Infanta Helena, tras coñecer esta mañá que o proxecto de humanización previsto para esta avenida aínda dista moito de poder materializarse.

“Nestes momentos nin sequera rematou o proceso de expropiación, pendente, segundo nos confirmou o responsable de Infraestrutras na Comisión de área, de que a Xunta de Compensación resolva algunha diferenza menor cos propietarios de varios terreos afectados”, explica García Gómez.

O concelleiro de Lugonovo entende que o procedemento administrativo que resta e que inclúe o trámite de audiencia pública, a posible presentación de alegacións, a redacción do contrato de adxudicación das obras, a súa fiscalización e aprobación, dilatará o desdobramento da Duquesa durante moitos meses e, por iso, insta ao executivo a non demorar máis a mellora das condicións de visibilidade na zona.

“Pareceunos unha tomadura de pelo cando o ano pasado nos dixeron que condicionaban esta tarefa á reurbanización planeada pero, trala contestación recibida hoxe, sería unha auténtica neglixencia agardar por ela”, destaca Iñaki García. “E non nos serve a escusa de que o repintado da sinalización non ten orzamento cando dende a alcaldía se está a dicir que á institución lle sobran cartos para poder cancelar a débeda e máis adquirir os locais da Tinería. Por unha vez cómpre ser realistas e priorizar, de verdade e con feitos, a seguridade cidadá”, conclúe o edil da agrupación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com